luns, 11 de abril de 2011

XUNTANZA DE BIBLIOTECAS ESCOLARES EN SANTIAGO

O CEIP Eduardo Pondal tamén estivo alí representado.

Os días 7 e 8 de abril tiveron lugar os Encontros do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, no Palacio de Congresos de Santiago, para afondar no modelo da biblioteca escolar como centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe. Os Encontros resultaron moi proveitosos e interesantes, cun programa e uns relatores de primeirísimo nivel. Materiais.

    Xosé Neira Vilas, puxo un  emotivo broche final a unhas xornadas xa de por si magníficas; falounos de libros e de bibliotecas, das súas experiencias persoais  cos libros e coa lectura, narrounos episodios da súa vida, que nalgunhas ocasións nos trouxeron á memoria algunhas esceas da súa obra máis coñecida e da cal celebramos este ano o 50 ANIVERSARIO: Memorias dun neno labrego, comprobádeo senón:
Galicia:
" Eu tiña que andar oito quilómetros ida e oito quilómetros de volta para ir á escola tres días á semana, e non por un camiño asfaltado, polo medio do monte, con pedras e cheo de lama"...
" Os xoguetes faciámolos nós polo que non os rompiamos e ademais aprendiamos a usar as ferramentas"
"Eu pedía libros a Barcelona para poder ler e escondíaos debaixo das tellas"... "Aos 16 anos traballaba nun aserradeiro"
Arxentina:
"Quería estudar e estudei xornalismo"... "Lía moitos libros que logo lle daba a dúas escolas"... "Anisia e eu fundamos unha distribuidora do libro galego Follas Novas, co fin de difundir o libro galego en toda América, co 30% que lle gañabamos aos libros invertiámolo en libros galegos que ían ás bibliotecas"
Cuba:
"En Cuba había daquela 6,4 libros por habitante" ... "Alí os mestres teñen moito prestixio social ... non hai suspensos, o suspenso é un problema de honor para o mestre e todos colaboran paa que non se suspenda"...
"Memorias" está considerado o primeiro libro da literatura infantil e xuvenil pero non foi escrito para nenos: Eu dixen hai que contar isto,  o drama dos campesiños. Escribía nun caderno as historias de Balbino, igual que Balbino.  Escribía nun café e o primeiro lector de "Memorias" foi o camareiro daquel café, o segundo foi Anisia e o terceiro Rafael Dieste. Hoxe en día está publicado a múltiples idiomas e hai tamén unha edición en Braille para cegos publicada pola ONCE de A Coruña.
Eu sempre andei entre libros, diciase dun home "acariñaba os libros como un avaro acariñaba as moedas"...
"Agora recibo homenaxes e discursos: Este tipo de discursos faise cando o autor está morto e eu pido disculpas porque estou vivo."
Nese intre aplaudiumos a rabear, erguémonos e durante un longo rato permanecemos en pé aplaudindo en homenaxe ao autor, o cal humildemente devolvía os aplausos ao auditorio; toda unha lección de humanidade, as súas fermosas palabras e a súa actitude cun público desbordado de admiración polo escritor... realmente foi o mellor regalo para rematar estas xornadas.
Para ver unha presentación de fotos  remitímosvos ao blog do IES de Fene "O Segrel do Penedo":

Ningún comentario: