venres, 21 de novembro de 2008

Escoitar contos un dereito da infancia





ESCOITAR CONTOS





UN DEREITO DA INFANCIA

Declaración universal do dereito a escoitar contos


 Artigo 1: As nenas e os nenos, sen distinción de etnia, idioma ou relixión, teñen dereito a escoitar os máis fermosos contos da tradición oral dos pobos, especialmente aqueles que estimulen a súa imaxinación e a súa capacidade crítica.

 Artigo 2: Os nenos e as nenas teñen pleno dereito a pedir aos seus pais que lles conten contos.

 Artigo 3: As nenas e os nenos que por calquera razón non teñan nas súas casas a ninguén que lles conte contos, teñen absoluto dereito a pedir á persoa maior da súa preferencia que llos/llelos conte, sempre e cando esa persoa maior demostre que o sabe facer con amor e tenrura que é como se contan os contos.

 Artigo 4: Os nenos e as nenas teñen dereito a escoitar contos sentados nos xeonllos dos seus avós e avoas.

 Artigo 5: As nenas e os nenos teñen dereito a que nas súas escolas lles conten contos para poder gozar cos iguais deixando voar a fantasía.

 Artigo 6: Os nenos e as nenas teñen dereito a coñecer a Andersen, Beer, Lionni, Machado, Lorca, M. Hernández.... e moitos máis.

 Artigo 7: As nenas e os nenos teñen pleno dereito a coñecer as fábulas mitos e lendas do seu país e do resto dos países do mundo.

 Artigo 8: Os nenos e as nenas teñen dereito a inventar e contar os seus propios contos, así como a modificar os xa existentes creando a súa propia versión.

 Artigo 9: As nenas e os nenos teñen dereito a esixir contos novos. As persoas maiores están obrigadas a nutrirse permanentemente de novos e imaxinativos relatos, propios ou non, con ou sen reis, fadas príncipes e princesas, longos ou cortos....O único obrigatorio é que sexan fermosos e cativadores; e, para tal mester, están no libre dereito de facer uso das Bibliotecas Públicas, tesoureiras de contos onde as haxa.

 Artigo 10: Os nenos e as nenas teñen dereito a pedir outro conto e a demandar que se lles conte o mesmo conto todas as veces que o seu anhelo o necesite, sen que o demandado faga agravio a tan eloxioso empeño.





 ARTIGO FINAL: Todos os nenos e todas as nenas teñen dereito a crecer coa compañía de bruxas, de fadas, de duendes, de piratas, de reis e princesas, de xigantes e dragóns, de ogros, de homes do saco, de zapatos máxicos e castelos encantados...E do inmortal " Había unha vez. ". frase máxica e preciosa que abre as portas da imaxinación no sendeiro cara aos máis fermosos sonos da infancia.




Así que, maiores e pequenos: Aplíquense a lección:

e conten uns, escoiten outros,

e gocen todos da experiencia.

Ningún comentario: