DA POESÍA E DA PRIMAVERA
A árbore
Debuxo no caderno,
ao vir a primavera,
unha árbore alta
de catrocentas ramas.
Serán as súas follas
os versos dun poema
e acudirán paxaros
co son das súas baladas.
Os feixes das raíces,
que medren baixo terra,
irán, fura que fura,
buscar auga agochada,
e nacerán mil flores
coa danza das abellas
e o sol fará o seu niño
nos versos da enramada.
Ana Mª Fernández
Versos da tarde laranxa
Quixera ser unha nube:
subir, subir e subir;
cando haxa festa no ceo
vestido branco lucir.
Quixera ser primavera
traer follas e verdor,
pintar nos prados as flores,,
cantar coma o reiseñor.
Ana Mª Fernández.
Tres voltas ao planeta
Primavera
Se ves que a montaña o carapucho perde,
se ves que o carballo pon un vestido verde
ou canta un paxaro con ganas no seu niño
ou que xa non hai xeo na serpe do camiño.
Se observas todo iso é porque estás atento
escoitarás ao cuco que chega nun momento,
como medra a melena da herba
como nacen as flores ás beiras
Porque é primavera. Fai falta que cho diga?
Pois, a COIDAR A TERRA, que a VIDA nos obriga!!
Ana Mª Fernández
Versos da tarde laranxaIlustramos estes fermosos poemas para, entre todos construir o mural da Primavera!
BOLBORETA
A primavera
saca a libreta
e pinta os campos,
vales e gretas
coas cores vivas
da súa paleta.
Ai , bolboreta!
Sobes e baixas
nunha pirueta,
enches os bosques
coa túa silueta
mentres o vento
toca a trompeta.
Ai, bolboreta!
Bailas nos ceos,
brumas calcetas
e o paxariño
coa súa opereta,
versos escribe
coma un poeta.
Ai, bolboreta!
Ana Mª Fernández
Ring, Ring...! Quen rima?
Ningún comentario:
Publicar un comentario