Aqualia é a compañía de servicios públicos de auga de Vigo, onte visitamos as súas instalacións na Rúa Cantabria en Vigo. Alí puidemos escoitar unha charla na que nos lembraron o ciclo da auga cun vídeo e participamos nun xogo para coñecer o uso responsable que facemos da auga.
Despois saímos ao exterior a coñecer as súas instalacións e alí vimos a boca do túnel polo que entra a auga directamente da presa de Eiras, travesando a famosa "Ruta da auga", un sendeiro moi coñecido para nós porque o percorremos camiñando ou en bici, xa que é moi chan e vai ata máis alá de Redondela .
Despois explicáronnos o proceso de decantación polo que recollen toda a suciedade que trae a auga e os posteriores procesos para que a auga chegue ao noso fogar perfectamente limpa. Vimos un inmenso depósito e comprendimos canta auga se gasta diariamente na nosa cidade!!
Despois mostráronnos o museo no que ademais de máquinas, contadores antigos etc. teñen rochas que extraeron das excavacións dos túneis polos que pasaron. Tamén nos agasallaron cuns dvd para a biblioteca e unha gorra a cada un!
Tamén nos lembraron que este mesmo día se inauguraba a nova depuradora de augas residuais do Lagares en Vigo que é unha importante obra para a nosa cidade:
Na Biblio Crocaio temos moitos libros que nos falan das mil formas da auga por exemplo Versos de auga de ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO, poeta que nos visitou e que está nomeado "Vigués distinguido ", entregado hoxe de mans do noso alcalde, e que tamén recolleu a escritora LEDICIA COSTAS.
A nosa noraboa a estes escritores moi coñecidos das nosas bibliotecas!!
Ningún comentario:
Publicar un comentario