No youtube algúns din que o outono vive aquí, na Selva de Irati, mais pensamos que tamén podería andar por aqui perto(Fragas do Eume). Se o vedes, dicídelle que non temos presa porque nos visite.
A Selva de Irati é o segundo haiedo-abetal máis extenso e mellor conservado de Europa, despois da Selva Negra de Alemania. Unha inmensa mancha verde dunhas 17.000 hectáreas que se mantén en estado casi virxe. Situada no Pirineo oriental navarro, nunha conca rodeada por montañas, na cabeceira dos pirenaicos vales de Aezkoa e Salazar.
Déixovos un comentario de Ramón Otero Pedrayo sobre este cambio de estación. A aldea, o outono, os labregos: o noso.
Xa os derradeiros días de sol amañeceron
unhas mancholas cor de cobre nas ponlas
máis valentes dos vellos negrillos da estrada.
Os amieiros musicais afeitos a seguir a carreira das
augas tamén adquiren unha mística pureza de ouro
melancólico sobre o lucir da alba. As campás do valrachan as xordas néboas. No serán locen feixes de
rosas murchas nas montañas do poente. O outono.
“¡Que triste está a aldea!” din os cidadáns
maxinando os camiños lamigosos, as casas afumadas,
os espellos da auga encorada nos sucos do
centeo, o trecolear dos zocos nas costas pedregullentas.
O vivir parece que detén o seu ritmo ó
compás do crecemento das noites e do medoñento
caer das follas e dos ourizos nos soutos seculares. Xa
non estoupan os foguetes da festa nin se ergue o
alalá das escascas coma nas doces noites setembrinas.
O cidadán pensa que a aldea morre
agardando coa paciencia dos penedos a que volte o
ledo rexurdir primaveral. Mais chegádevos a unha
verdadeira parroquia campesía, ollade prós terreos,
entrade nos curros e veredes que a vida lonxe de se
deter, corre máis axiña e loce máis luminosa igual
que a lapa petrucial da lareira.
O labrego ergueu a colleita. O millo está nos
cabaceiros, a pinga nas pipas, o feno ben gardado
das chuvias. Os eidos quedaron espidos. E por certo
que este ano os labregos non tiveron que se matar
na angueira. Xa o ferrado de centeo sube de trinta
reás, a horta esgotouse coas calores, o millo nin
palla rendeu nas herdades. A irmá Fame entrouse
polas portas da aldea. Novembro 1926
Ramón Otero Pedrayo O OUTONO
Ningún comentario:
Publicar un comentario