O mércores 27 de marzo, realizamos a visita aos muíños do río Pugariño, en Chapela.
Desde o cole e a través da Senda da Auga, senda do camiño de Santiago, fomos camiñando a observar os restos dos muíños que utilizaban os veciños de Chapela e arredores para moer o seu gran e que ao quedaren en desuso enchéronnos de lixo, foron un vertedeiro no medio do monte, porque alí ninguén os vía botar o lixo.
Os veciños organizáronse para limpalos e sacaron toneladas de lixo de todo tipo, pero moito quedou prensado e introducido tan dentro da terra que non puideron con el e vai saíndo pouco a pouco coa erosión da auga do río e da chuvia, sobre todo plásticos, que moitos deles son fragmentos minúsculos que van directos aos estómagos dos peixes da nosa Ría de Vigo.
Fermoso espazo natural recuperado , intentemos que dure así moito tempo.
Lembrade: nunca tiremos lixo no monte, hai puntos limpos para facelo e personas que traballan para recollelo e reciclalo.
domingo, 31 de marzo de 2019
A Igualdade na Biblio Crocaio
No curso de 6º remata o "Obradoiro de Igualdade ", impartido durante toda a primaria por Elsa, a monitora especializada no tema, que vén a través da Consellería de Igualdade do Concello de Vigo.
Un excelente obradoiro teórico-práctico no que nenos e nenas reciben información moi valiosa de cara a enfrentar a vida con igualdade de xénero, intentando conseguir que homes e mulleres teñamos os mesmos dereitos e os mesmos deberes.
Moitas grazas Elsa, pola túa profesionalidade ,entusiasmo e paciencia!
Carteis realizados polo alumnado de 6º con motivo do 8 de marzo
martes, 26 de marzo de 2019
Experimentando co forestal
Experiencia CSIC na Biblio Crocaio
Biólogas do CSIC -Centro Superior de investigacións científicas achegaron a Ciencia á Biblio Crocaio facendo experimentos relacionados coa natureza e coas árbores, aos que asistiron alumnado de infantil e de primaria aos que deixaron manipular como si foran pequenos científicos:
xoves, 21 de marzo de 2019
A Primavera
No afán por descubrirvos libros que esperten o amor pola natureza, Crocaio tráevos hoxe un moi especial:
O segredo de avó oso, da editorial Kalandraka, escrito por Pedro Mañas e ilustrado por Zuzanna Celej, ofrécenos un punto de vista particular sobre a chegada da primavera.
O segredo de avó oso, da editorial Kalandraka, escrito por Pedro Mañas e ilustrado por Zuzanna Celej, ofrécenos un punto de vista particular sobre a chegada da primavera.
domingo, 17 de marzo de 2019
21 DE MARZO: Día mundial da POESÍA
DA POESÍA E DA PRIMAVERA
A árbore
Debuxo no caderno,
ao vir a primavera,
unha árbore alta
de catrocentas ramas.
Serán as súas follas
os versos dun poema
e acudirán paxaros
co son das súas baladas.
Os feixes das raíces,
que medren baixo terra,
irán, fura que fura,
buscar auga agochada,
e nacerán mil flores
coa danza das abellas
e o sol fará o seu niño
nos versos da enramada.
Ana Mª Fernández
Versos da tarde laranxa
Quixera ser unha nube:
subir, subir e subir;
cando haxa festa no ceo
vestido branco lucir.
Quixera ser primavera
traer follas e verdor,
pintar nos prados as flores,,
cantar coma o reiseñor.
Ana Mª Fernández.
Tres voltas ao planeta
Primavera
Se ves que a montaña o carapucho perde,
se ves que o carballo pon un vestido verde
ou canta un paxaro con ganas no seu niño
ou que xa non hai xeo na serpe do camiño.
Se observas todo iso é porque estás atento
escoitarás ao cuco que chega nun momento,
como medra a melena da herba
como nacen as flores ás beiras
Porque é primavera. Fai falta que cho diga?
Pois, a COIDAR A TERRA, que a VIDA nos obriga!!
Ana Mª Fernández
Versos da tarde laranxaIlustramos estes fermosos poemas para, entre todos construir o mural da Primavera!
BOLBORETA
A primavera
saca a libreta
e pinta os campos,
vales e gretas
coas cores vivas
da súa paleta.
Ai , bolboreta!
Sobes e baixas
nunha pirueta,
enches os bosques
coa túa silueta
mentres o vento
toca a trompeta.
Ai, bolboreta!
Bailas nos ceos,
brumas calcetas
e o paxariño
coa súa opereta,
versos escribe
coma un poeta.
Ai, bolboreta!
Ana Mª Fernández
Ring, Ring...! Quen rima?
xoves, 7 de marzo de 2019
8 de marzo: Día internacional da MULLER
Quero ser ra
Non quero ser príncipe
que quero ser ra,
patiñas lixeiras
e lama na man.
Non quero ser príncipe
de brancao cabalo,
nin ver á princesa,
nin ter un criado.
Non quero ser príncipe
que ande ás batallas
que durma no cárcere
das altas murallas.
Eu quero o silencio
da lagoa escura,
croar cada noite,
soñar na espesura.
Eu quero lentura
da herba esquecida
o ulido das flores
nunha amañecida.
Non quero ser príncipe
de seda tapado,
nin levar espada
nin usar calzado.
Deixádeme libre
que quero ser ra
que as augas me falen
do que hai máis alá!
ANA Mª FERNÁNDEZ
http://interactive.unwomen.org/multimedia/campaign/unheardwomen/index.html
venres, 1 de marzo de 2019
ENTROIDO 2019
O noso Meco GARDABOSQUES estivo moi atento a todo oque sucedía hoxe no bosque do CEIP EDUARDO PONDAL, no que lobos, raposos, mouchos, caracois, formigas, osos e demais fauna fixeron entre todas unha festa superdivertida na que os papis e mamis colaboraron cunha gran merenda final con doces típicos do entroido que houbo a fartar..., moitas grazas a todos pola colaboración e participación na festa.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)