domingo, 27 de outubro de 2013

Día da BIBLIOTECA

Un día moi especial foi o que vivimos o venres 25 no cole: a festa da BIBLIO CROCAIO.
 Dámos moitas grazas a PEPE CARREIRO pola amabilidade e a paciencia que mostrou, debuxando e falando cos nosos nenos e nenas e compartindo con todos nós este día.
Os seus libros formaban parte da exposición do corredor.
As NOVIDADES tamén estaban expostas.
Así estivemos de atentos.
 

Os nenos e nenas de tres anos pasárono moi ben.

E chegou o momento das interminables firmas con debuxo e dedicatoria para tod@s. 


As Mochilas viaxeiras en marcha, con libros de PEPE CARREIRO e tamén un libro especial de PINTURA en cada unha.
  Sobraron pegatinas de cadros así que cando veñades a coller libro levaredes unha de agasallo.

xoves, 24 de outubro de 2013

A Biblio Crocaio pinta ben !!

Así é  nosa Biblioteca:
Este venres teremos a visita do ilustrador  Pepe Carreiro:
Xosé Carreiro Montero, máis coñecido como Pepe Carreiro, é un humorista gráfico, debuxante e guionista de banda deseñada.
 Foi fundador das revistas Can sen Dono e XO! "a voz que para a bestas".
 Publicou dous libros de humor gráfico: Fraga na Galiza (Laiovento) e Mellor que onte, pero mellor que mañán (Fervenza); e publicou viñetas e tiras en medios tan diversos como A voz do Pobo (na sección "O fillo de Breogán"), Teima (na sección "O galo Camilo"), O Paspallás, Mundo Obreiro, O Pobo Galego ("O galo Camilo"), Folla do Luns de Vigo, Faro de Vigo ("Maxistérico")...
  Como debuxante e guionista de cómic publicou tres álbums da serie Os Barbanzóns: 
Baroña ou morte, 
 Non solpor da prehistoria e
 A noite de Samaín.
Pepe Carreiro é un escritor, debuxante e ilustrador infantil creador da serie Os Bolechas (editada por A Nosa Terra) para nenos no 1980.
No 2013 recibiu o premio Bo e Xeneroso da AELG.
Benvido ao cole Pepe, agardámoste impacientes!
 Veremos tamén estoutro vídeo elaborado polo CEIP Curros Enríquez de Celanova para o Día da Biblioteca escolar, con debuxos de Pepe Carreiro do libro:

E agora podedes ver neste vídeo o que lle sucede a Peppa no MUSEO:

sábado, 19 de outubro de 2013

Cores e máis cores

Seguimos traballando arreo para que todo estea preparado para o vindeiro venres 25 no que faremos a gran festa da Biblioteca. 
As profes atarefadas coas compras de libros novos,a decoración da Biblio, preparando as mochilas viaxeiras,os carnets novos... 
Ricardo traballa tamén para deixar preparadas novas estanterías.. 
Crocaio está repasando os videos do traballo sobre o noso barrio que fixemos o curso pasado porque agora toca velo todo con calma. 
Xa sabemos quen nos vai acompañar neste día, será o ilustrador Pepe Carreiro, que compartirá con nós esta xornada festiva e contaranos algún que outro secreto dos seus famosos personaxes: Os Bolechas.
  
Aquí tedes un dos libros que pasarán polas aulas co tema do traballo deste curso: A pintura

E aquí outro fermoso video sobre a importancia da colaboración: Todos somos importantes!

venres, 11 de outubro de 2013

Mans á obra!

Mirade con que entusiasmo comezamos o traballo para o noso proxecto deste curso:
  A BIBLIO CROCAIO pinta ben !!
Aportación do profe Yago de Educación Física, para a decoración  da Biblio e para aprender onde temos que buscar un libro seguindo a CDU: Clasificación Decimal Universal .
Para reforzar o que imos aprender sobre a biblioteca, déixovos unhas actividades moi divertidas sobre a CDU, elaboradas por Lupe González e Luz Díaz. Preme na imaxe para empezar:

Grazas á colaboración da profe Isabel de PT teremos na nosa entrada unha enorme MENINA que pintaremos entres tod@s.
 

Traballamos tamén  nos autorretratos:

Infantil comezou un dos seus proxectos: MIRÓ
Os libros de arte e de cores comezan a verse por todo o cole, coma este El arenque rojo de Gonzalo Moure e Alicia Varela  de SM



Esteas onde esteas, perto de ti hai historias. Moitas historias. Tantas coma persoas. Pero vémolas? As veces sí. Neso consiste este libro. A primeira vez, só verás o arenque vermello.... http://www.literaturasm.com/El_arenqu...

mércores, 9 de outubro de 2013

Xogamos cos Bolechas

Este é Pepe Carreiro, o debuxante de banda deseñada galega,creador dos BOLECHAS.
Preme nas imaxes e atoparás divertidos xogos:

XOGAMOS COS BOLECHAS:

luns, 7 de outubro de 2013

Pan de millo : MIGALLAS

 Xa está nas librarías dende este mes de outubro!!


 Para tódalas idades!!
A editorial Kalandraka xunto con Migallas Teatro editaron o libro-disco “Pan de Millo” 
O se u lanzamento contará ademais con presentacións en  vilas e cidades galegas. 
Magoia Bodega e Paulo Nogueira, profesores e membros do grupo musical Treixadura, son os responsables da produción musical. O ilustrador é Dani Padrón.
 Personaxes, coma un piollo, unha pulga, ou un espantallo,  historias dos nosos avós mesturadas con temas  actuais, coma as actividades extraescolares;  todas elas co  fin de contribuír a falar máis e mellor  a nosa lingua.

venres, 4 de outubro de 2013

A BIBLIO CROCAIO pinta ben!!

Xa está en marcha o novo proxecto da Bibliocrocaio: A Pintura.
  Durante este curso  AS CORES encherán os corredores  as aulas e a Biblioteca, pintaremos xogaremos con elas, seremos pintores de pincel e brocha, observaremos moitos cadros de pintores e pintoras recoñecidos e famosos en todo o mundo, comezando polos galegos dos que xa investigou Crocaio este verán :
Lugris, Seoane,  Maruja Mallo, Leandro Lamas e Peteiro.

Pasarémolo xenial pintando!!

Hoxe  nas clases de Plástica comezamos  cos AUTORRETRATOS.
Despois de observar a exposición do corredor  comezamos os nosos, cos que decoraremos as paredes da entrada e da  biblioteca .

Un deses autorretratos exposto é o do pintor universal Joan Miró que será obxecto dun traballo de investigación na aula de 4 e 5 anos.
Aquí tedes a historia do seu autorretrato:


                              En 1937, Miró empeza Autorretrato.
Miró só  aplica algunhas cores diluidas e o  debuxo encima.

      
  En 1960 fixo unha revisión do cadro e para el pintar era buscar a síntesis extrema.
 Miró encarga  unha copia do debuxo (visible nun segundo plano)e  sobre el , cun trazo groso, rápido, simplifica aquel rostro turbulento.
A perfección para Miró era volver á infancia.



                                             Autorretrato, 1937/38-1960



Joan Miró from aliciabecerrafermonselle

E para saber máis:
 E falando de cores aquí tedes un xogo de LIM sobre AS CORES DA SAÚDE. 
Disfrutádeo nesta fin de semana:

domingo, 29 de setembro de 2013

Outubro: mes das BIBLIOTECAS




























           Axiña chegará aos coles o cartel que a Consellería de Cultura, EOU edita todo os anos para conmemorar o Día da Biblioteca (24 de outubro) .
O lema elixido para este ano, LER CIENCIA NA BIBLIOTECA ESCOLAR, trata de sensibilizar sobre a importancia da lectura de textos de carácter científico, de textos divulgativos ou de textos literarios que tratan temas relacionados coa ciencia. Todos estes contidos teñen cabida na biblioteca .

  Aprender a valorar a información que se atopa en internet con criterios de credibilidade, veracidade, cientificidade, etc., é imprescindible para o noso alumnado; identificar, por exemplo, a pseudociencia entre a inxente cantidade de contidos audiovisuais que circulan por internet resulta difícil (ás veces incluso para os adultos), pero só a alfabetización mediática e informacional pode dotalos de recursos para poder facelo. 
   A ilustración é de PATRICIA CASTELAO.

domingo, 22 de setembro de 2013

Ven vindo outono dourado,,,

Preme neste cadro de outono do pintor impresionista francés Camille Pissarro e atoparás un entretitdo puzzle:
Ven vindo outono dourado
coa túa frautiña de vento
e o teu pantalón mollado.

 
Brinca no medio dos montes
co arrecendo no pelo

das espigas e das fontes.


Cóllelle a dianteira ao frío
acastañando nas cores

da beira do río.

Ven vindo, outono dourado,
cos petos cheos de noces
e de ourizos regañados.


Poema de Ana Mª Fernández 

O pintor holandés Vicent Van Gogh tamén pintou  moitos cadros   co tema do outono.
Preme para facer o puzzle agora un pouco máis difícil: 


E para os máis pequenos xogos de outono:

venres, 13 de setembro de 2013

A única revista en galego

O Xabarín Club foi un fito para varias xeracións.
Ese personaxe creado por Miguelanxo Prado entrou nos fogares, a través da pantalla, para quedar nos ollos dos maís novos da casa. Así se foi construíndo o club dos xabaríns.
Agora, aparece de novo o Xabarín con "Oink!”, a revista destinada aos nosos rapaces e rapazas, a única revista en galego.

 Aí atoparán  novas, reportaxes, pasatempos, música, seccións divulgativas, de entretemento e moita, moita banda deseñada,  coa colaboración de Miguelanxo Prado, Andrés Meixide, Miguel Porto, Fran Bueno, Miguel Robledo, Jacobo Fernández, Kohell, Victor Rivas e Pinto & Chintocomandados por Kiko da Silva.
      O seu prezo 3€, a súa periodicidade mensual.

xoves, 12 de setembro de 2013

luns, 9 de setembro de 2013

Carlos Maside pintor galego

Mercado,óleo de Carlos Maside, podemos contemplálo no Museo de Castrelos en Vigo.
Como vedes xa comezamos a preparar o noso proxecto deste curso. 


Tamén vos dámos a benvida, só queda un día para madrugar e comezar os trafegos diarios da escola. Crocaio prepara moitas sorpresas!!!

Move xa un pouqiño a túa mente completando as figuras con pezas   do Tan gram: